A orixe do nome de Boimorto está nas pedras (véxase a toponimia), pero a tradición popular conta outra historia.
Un home moi rico das terras de Arzúa, dono de moito gando, pasou por estes verdes pastos e decidiu deixar neles mil cabezas do seu rabaño. A xente, abraiada de ver tanto animal, chamoulle ao lugar Boi-mil.
Pasado o tempo, nun día de moita calor, un dos bois escapou nunha carreira e xa non soubo volver. O sitio onde foi parar quedou como Boi-ido.
Mais era un dos mellores bois e o amo non quixo resignarse a perdelo. Mandou varios homes na súa procura, que o atoparon, pero era tan bravo que non había maneira de collelo: revirábase ou fuxía unha e outra vez. Ao final decidiron matalo, para polo menos aproveitar a carne e a pel. Desde entón, aquel lugar chámase Boi-morto.
Lenda recollida no libro «Somos Lenda Viva» (Mini e Mero), a partir das «Etimoloxías populares» de Armando Cotarelo publicadas na revista Nós.